Tropa Verde conmemora o Día Mundial da Educación Ambiental en Porriño!
Desde 1975 celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Educación Ambiental. Todos os 26 de Xaneiro están marcados en verde nos calendarios dos que nos preocupamos polo noso planeta!
No ano 1975 publicouse a Carta de Belgrado, como resultado do “Seminario Internacional de Educación Ambiental” no que participaron máis de setenta países. Desde entón esta data foise convertendo nun recordatorio para que non esquezamos que os nenos son o futuro do planeta, e que nos corresponde ensinar a coidalo como se merece.
O 26 de xaneiro é o Día Mundial da Educación Ambiental, e para conmemoralo a Tropa Verde xunto o Concello de O Porriño están deseñando xornadas de charlas nas escolas do Concello de O Porriño. Onde poderán participar todas as escolas de primaria que así o desexen.
Nestas charlas farase fincapé na idea de que o coidado da natureza e os seus recursos é cousa e causa de todos, na importancia do coidado da contorna e na regra fundamental da ecoloxía das 3Rs. As charlas tamén teñen un obxectivo de diminución de residuos, sobre a necesidade de limitar o uso de embalaxes "porque o mellor residuo é o que non se produce".
Ata o momento xa son catro os centros que desfrutarán destas xornadas: CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CEIP da Cruz-Budiño, CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga Rodríguez e CPR Santo Tomás
Un propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental, o que pretendemos é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente (resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos, etc.) e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.
A educación ambiental resulta clave para comprender as relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais, así como para conseguir unha percepción máis clara da importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais. Nesta liña, debe impulsar a adquisición da conciencia, os valores e os comportamentos que favorezan a participación efectiva da poboación no proceso de toma de decisións.
Por tanto, a educación ambiental, máis que limitarse a un aspecto concreto do proceso educativo, debe converterse nunha base para elaborar un novo estilo de vida. Ha de ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na tarefa complexa e solidaria de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio. Destes fundamentos parten as iniciativas da Tropa Verde.