Reunión en Niza do proxecto europeo Tropaverde, liderado por Santiago
Na xuntanza, participaron os seis socios do proxecto e o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández
Os días 4 e 5 de decembro desenvolveuse na cidade francesa de Niza, a reunión de metade do proxecto europeo Tropa Verde, que lidera o Concello de Santiago de Compostela. Na xuntanza, participaron os seis socios do proxecto e o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández e ten como obxectivo avaliar os avances na súa execución.
Tropa Verde é unha plataforma web creada pola empresa Teimas Desenvolvemento, que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de xeito directo as boas accións medioambientais. Para iso son necesarios tres elementos: a cidadanía, os espazos onde depositar os residuos, nos que premian estas boas prácticas con cheques-agasallo; e os comercios e establecementos de hostalería que colaboran aportando premios e/ou descontos.
A través do proxecto Tropa Verde, Santiago lidera unha das 25 redes de transferencia do programa europeo Urbact III 2014-2020: a de intercambio de aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado. En outubro de 2018 rematou con éxito a primeira fase do proxecto, na que participaron Santiago de Compostela, District 14 Zugló Municipality (Budapest-Hungría) e Dimos Pavlou Mela (Tesalónica-Grecia). Realizouse a transferencia do proxecto no contexto local a outras cidades europeas, definiuse a metodoloxía para realizar esa transferencia, e buscáronse novos socios.
A segunda fase, á que se uniron a cidade de Guimaraes (Portugal), e as mancomunidades de Stowarzyszenie Aglomeracja Opolska (Polonia) e Métropole Nice Côte d’Azur (Francia), comezou hai un ano. Dende entón tiveron lugar dúas xuntanzas de formación, para por en marcha a plataforma online, e para que os socios aprendan a metodoloxía que van ter que aplicar nas súas entidades. Desenvolvéronse en Tesalónica e en Opole.
Neste reunión de Niza avaliouse a execución do proxecto Tropa Verde. A xornada do mércores comezou coa benvida por parte do alcalde de Niza, Pierre Paul Leonelli, quen relatou a experiencia da mancomunidade en recollida selectiva e reciclaxe. A continuación, asinouse formalmente o acordo "Urbact Tropa Verde". Logo, os seis socios participantes presentáronse oficialmente e despois realizouse un resumo das principais actividades realizadas e das pendentes.
Da man de Teimas Desenvolvemento, Ricardo Vila e Marta Morán, analizaron o proceso de transferencia da plataforma Tropa Verde, o progreso realizado ata agora, as principais dificultades, as experiencias de éxito e os próximos pasos a dar.
Pola tarde realizáronse varias visitas técnicas: a primeria foi unha visita e presentación a un centro de actividades que colabora coa Tropaverde e a segunda a un punto de recollida e reutilización de residuos.
Na xornada do xoves revisáronse as áreas de actuación no marco do programa Urbact. En concreto, o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, e a técnica de Promoción Económica, Carme Casado, explicaron os compromisos e estratexias de comunicación e o seu nivel de execución, unha das áreas que lidera Santiago no marco do proxecto Tropa Verde. Tamén tratáronse asuntos sobre a xestión administrativa do proxecto e o plan de marketing e comunicación.
A segunda fase de Tropa Verde conta cun orzamento de 599.974 euros, financiados, na súa maior parte, cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional. No caso de Santiago de Compostela o investimento é de 218.622 euros, cunha aportación municipal de 65.586 euros. O 70% restante, achégao o FEDER.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado