O Concello de O Porriño conmemorou o Día Mundial da Educación Ambiental
A educación ambiental comeza nas escolas!!
O 26 de xaneiro, a Tropa Verde xunto co Concello de O Porriño conmemoraron o Día Mundial da Educación Ambiental cunhas xornadas de charlas nas escolas CEIP Antonio Palacios e CPR Santo Tomás,
Nestas charlas fíxose fincapé na idea de que o coidado da natureza e os seus recursos é cousa e causa de todos, na importancia do coidado da contorna e na regra fundamental da ecoloxía das 3Rs. As charlas tamén teñen un obxectivo de diminución de residuos, sobre a necesidade de limitar o uso de embalaxes "porque o mellor residuo é o que non se produce".
Un propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental, o que pretendemos é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente (resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos, etc.) e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.
A educación ambiental resulta clave para comprender as relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais, así como para conseguir unha percepción máis clara da importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais. Nesta liña, debe impulsar a adquisición da conciencia, os valores e os comportamentos que favorezan a participación efectiva da poboación no proceso de toma de decisións.
Por tanto, a educación ambiental, máis que limitarse a un aspecto concreto do proceso educativo, debe converterse nunha base para elaborar un novo estilo de vida. Ha de ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na tarefa complexa e solidaria de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio. Destes fundamentos parten as iniciativas da Tropa Verde.