Nace Mercaproximidade, a alternativa ao peche da hostalería e a suspensión das feiras

Esta nova canle de comercialización de produtos vai dirixido a produtores de froitas e hortalizas, mel e produtos  apícolas, gandeiros de vacún, ovino, caprino e porcino e industrias transformadoras que obteñan polo menos un 50 % do seu ingreso da  hosteleria ou dos mercados municipais pechados actualmente

409601d57419a1da1c08a1aed2d2bfd7dd749646
Mercaproximidade. Ese é o nome da nova canle de comercialización de produtos do sector primario posto en marcha pola Consellería do Medio Rural para dar saída ás producións de agricultores e gandeiros golpeados polo peche da hostalería, a suspensión das feiras ou a clausura dalgúns mercados municipais. A ferramenta, regulada nunha orde publicada este martes no Diario Oficial de Galicia, está dirixida a produtores de froitas, hortalizas, mel, gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, ademais de industrias transformadoras. Para poder adherirse non só han de estar rexistrados no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) ou, no caso dos produtos transformados, han de estar rexistrados na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, tamén ha de presentar unha declaración responsable na que conste que polo menos un 50 % dos seus ingresos procede da comercialización de produtos para a hostalería ou a través dos mercados municipais, actualmente pechados.  

A idea non só é dar saída aos produtos, a través da súa comercialización en supermercados de cadeas que se adheriron á iniciativa tras as conversacións mantidas ao longo dos últimos días entre a Consellería do Medio Rural e representantes das organizacións profesionais agrarias dentro do  Consello Agrario ou de responsables de distintas cadeas de distribución, tamén busca dar a coñecer ao consumidor a orixe dos produtos que compra. De feito, a apertura da canle irá acompañada dunha campaña informativa dirixida ao consumidor final para dar a coñecer aos produtores que a integran, ademais das empresas distribuidoras que colaboran. 

Para poder adherirse os provedores deberán facelo, preferentemente, a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores ou dos  consellos reguladores das diferentes denominacións xeográficas protexidas, previo mandato outorgado polo produtor. Ao mesmo tempo os operadores que queiran incorporarse á rede deberán manifestar expresamente o seu interese por medio dun correo electrónico que deberán remitir a mercaproximidade@xunta.gal, indicando para tal efecto os datos de contacto, ademais da información da explotación e tamén os tipos de produción.

Vía: La Voz de Galicia
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando